A TERCEIRA PÓLA completará o percorrido de FRONTEIRAS polo galego exterior

O documental FRONTEIRAS deixou fóra do seu percorrido ao estremeño Val de Xálima: afastado 400 km. de Galicia, non se podía considerar zona arraiana. Pero este peculiar enclave galegofalante ao noroeste da provincia de Cáceres merecía, polas súas ligazóns lingüísticas e culturais con Galicia, un tratamento semellante ao xa feito no Eo-Navia asturiano, no Bierzo leonés, nas Portelas zamoranas e na rexión Norte de Portugal. Pasacana Films, desta volta en coprodución coa Televisión de Galicia, está a preparar unha peza sobre estes "tres lugaris", dirixida tamén por Rubén Pardiñas. A TERCEIRA PÓLA será un achegamento aos habitantes dos tres concellos galegofalantes de Estremadura (Valverde do Fresno, As Ellas e San Martín de Trevello), que opinarán sobre a orixe da súa lingua, falarán da súa identidade e tamén dos seus vencellos con Galicia e cos galegos. Intervirán, ademais de paisanos do val, xente coma Xosé Henrique Costas, filólogo especialista no “valego”, Francisco Fernández Rei, catedrático de filoloxía románica, Domingo Frades, académico correspondente para Estremadura da Real Academia Galega ou Máximo Gaspar, alcalde de San Martín de Trevello.
Máis información na Axencia Audiovisual de Galicia

